Surrealismo en Coristanco

Novembro 28, 2006 at 9:45 pm (Xornalismo)

 

Esta foto que vedes corresponde co inicio da xornada (Arzúa, preto do embalse de Portodemouros), un día tranquilo… A noticia era sinxela, había bastante tempo para facela e a paraxe era marabillosa . ¡¡Pero todo se truncou!!

A noticia xa estaba cuberta dende a semana pasada, co cal non era noticia, por suposto. Así que despois de grabar un tremendo socavón na estrada que leva a Portodemouros, provocado polas riadas, asignousenos outro tema. Tocaba ir a Coristanco (un trote dende Arzúa) eran as dez da mañá e xa íamos bastante apurados, pero o que non imaxinábamos era atoparnos con tremendo panorama.

O tema era o seguinte: os donos dunha explotación gandeira foran denunciados porque supostamente botaran xurro no río. Pero os señoriños en cuestión non se sentían nada culpables, e en vez de facer o que faría calquera persoa normal (defenderse verbalmente e aproveitar que está a tele para facelo dun xeito público) non tiveron mellor ocorrencia que pecharnos o paso e deixarnos colgados durante algo máis dunha hora co tractor atrancando a estrada pola que tiñamos que saír para irnos do lugar. Resulta que eles alegaban que nós nos metéramos na súa propiedade para gravar (o cal si, é delito) pero é que nós non podemos saber por inspiración de Deus que unha pista asfaltada normal e corrente é deles se non o avisan con ningún cartel. E si, tamén é certo que nos avisaron verbalmente (despois de atrancarnos o tractor diante) pero de qué maneiras… ademais, cantas veces non terá oído un cámara que non quere que lle graven nun sitio… e se non había nada que avisase de que estábamos en propiedade privada… Así cos contos non se resolveu o problema ata que chegou a Garda Civil e quixo tratar de calmar a eses seres pouco civilizados ata que á fin nos quitaron o tractor de diante e puidemos marchar de alí. E inda por riba coa dúbida de se nos denunciarán por entrar no seu terreo, aínda que levan as de perder porque, como xa dixen, non tiñan señalización, e ademais porque eles tamén incurriron nun delito ó ternos retidos contra a nosa vontade.

E a todo isto… por suposto, chegamos cando xa o informativo se estaba emitindo co cal non cubrimos noticia ningunha, pero é que como a ninguén lle parece un traballo de verdade iso de ser xornalista, parécelles que imos por gusto ós sitios, e só por foder á xente, pois diso nada, é unha maneira tan honrada de gañarse o pan coma atender a catro marelas como fan os donos da mencionada explotación.

Por certo pido desculpas ós de Coristanco que se sintan ofendidos por esta impresión que me quedou do lugar, supoño que en tódolos sitios hai de todo pero en fin… que iso si que é a Galicia Profunda (pero moi moi profunda).

Deixar un comentario